Saturday 04 de May de 2024

Cariño acolle do 7 ao 22 de decembro unha exposición sobre enerxía sostible


· A mostra, que está incluída no programa Ciudad Ciencia, poderá vistiarse no local social da casa do concello de 10 a 13 horas e de 16 a 20 horas.

O Concello de Cariño acolle do 7 ao 22 de decembro no local social da casa do concello a exposición ‘A enerxía que nos move. Ciencia para unha enerxía máis limpa, sostible e accesible’, incluída no programa Ciudad Ciencia e promovida polo CSIC no marco do ‘Ano Internacional da Enerxía Sostible para todos’.
A mostra, que poderá visitarse de 10 a 13 horas e de 16 a 20 horas, ofrece unha perspectiva global sobre a situación enerxética mundial e as alternativas existentes encamiñadas a unha electricidade e un transporte máis limpos. Ademais, detense na situación concreta de España e inclúe consellos e medidas que os cidadáns e cidadás podemos realizar para contribuír ao cambio de modelo enerxético.
Está comisariada por Gregorio Marbán, do Instituto Nacional do Carbón do CSIC, e está dirixida á poboación en xeral, con especial atención aos novos estudantes dos distintos ciclos educativos de secundaria. Ademais, compleméntase con audio guías que resultan moi útiles para facer visitas guiadas e con unidades didácticas que profundan nos contidos e están adaptadas aos niveis educativos de secundaria e bacharelato.